26 de abril de 2016

Perífrases verbais

Unha perífrase é unha construción formada por:

1 verbo en forma persoal, verbo auxiliar – achega o significado gramatical
1 verbo en forma nominal (infinitivo, xerundio ou participio), verbo auxiliado – achega o significado léxico
Pode aparecer tamén entre eles 1 elemento de enlace (preposición ou conxunción)
O goberno ten (vbo. auxiliar) que (ele. de enlace) elixir (vbo. auxiliado) a data dos próximos comicios.

TEMPORAIS

  • Futuridade

IR + INF. Imos xogar á billarda.
*IR + INF. non é perífrase cando implica desprazamento (– Chamaron do taller e fun buscar o coche.)
*IR A + INF. = castelanismo (*Van a subir os xuros. – Van subir os xuros.)
HABER (DE) + INF. Heime presentar ao premio de narrativa breve da Deputación da Coruña.

  • Inminencia

HABER (en pretérito) (DE) + INF. Houben suspender por faltas, teño que mellorar a  miña ortografía.
QUERER + INF. Leva todo o día que quere chover pero de momento vaise aguantando.
*QUERER + INF. non é perífrase cando o suxeito de querer é o axente (– O Manuel quere saír á rúa.)
ESTAR A/PARA + INF. Están a saír as notas de selectividade.


MODAIS

  • Obriga
DEBER + INF. Tras estes resultados os partidos deben chegar necesariamente a un acordo.
HABER (DE) + INF. O goberno ha de comparecer nunha sesión de control parlamentaria.
HABER QUE + INF. Hai que presentar a declaración do IRPF antes do vindeiro mércores.
TER QUE/DE + INF. A UE ten que/de axudar os refuxiados se quere respectar os dereitos humanos.

  • Hipótese
DEBER DE + INF. O ministro de facenda manifestou que o número de defraudadores debe de ser superior ao medio millón de persoas.
HABER (DE) + INF. Os membros da selección galega de fútbol han de ter unha media de vinte e tres anos.

  • Probabilidade
PODER + INF. Os xuros podían baixar se o banco central europeo apostase fortemente polo abaratamento dos cartos.
*PODER + INF. non é perífrase cando significa “ser capaz de” e o segundo verbo é o CD directo do verbo “poder” (– Se a UE aumenta a marxe de inflación o goberno poderá reducir os recortes.) 


ASPECTUAIS

  • Incoativas (acción no seu inicio)

BOTAR(SE) A + INF. Tras o disparo de saída milleiros de persoas botáronse a correr polas rúas compostelás no maratón do día do deporte.
COMEZAR A + INF. O novo goberno non comezará a tomar medidas de gasto ata ter os resultados da auditoría externa das contas municipais.
DAR EN + INF. A afección deu en asubiar as actuacións arbitrais malia beneficiaren o equipo local.
POÑER/PÓR A + INF. Os preferentistas puxéronse a recompilar información doutros afectados para emprender unha defensa común dos seus intereses.
ROMPER A + INF. Sorprendente final das festas ribeirenses, rompeu a sarabiar durante o lanzamento dos fogos artificiais.

  • Imperfectivas (acción non rematada ou no seu desenvolvemento)

ANDAR A  + INF. /  ANDAR + XER. No IES da Pobra do Caramiñal andan a desenvolver/desenvolvendo estes días as actividades da semana cultural anual.
ESTAR A + INF. / ESTAR + XER.  As autoridades sanitarias están a desenvolver/ desenvolvendo ao longo deste mes a campaña de vacinación anual contra a gripe común.
LEVAR A  + INF. / LEVAR + XER. O corpo municipal de bombeiros leva a traballar/traballando toda a noite na extinción dun incendio declarado onte á tarde nas inmediacións da Curota.
SEGUIR/CONTINUAR A  + INF. / SEGUIR/CONTINUAR + XER. O desacordo dos principais líderes políticos segue a impedir/impedindo a formación dun novo goberno.
IR + XER. Os romeiros do nazareno van chegando á Pobra do Caramiñal ao longo da mañá en autobuses procedentes de toda Galicia e doutras comunidades autónomas.
SER A + XER. Todos os seareiros eran a aplaudir a xogadora no derradeiro partido da súa carreira profesional.
VIR + XER. Dúas biólogas da USC descobren unha nova especie parecida ao mexillón durante uns estudos de campo que veñen desenvolvendo nos últimos meses na ría de Arousa.

  • Perfectivas (acción xa rematada)

ACABAR/REMATAR/TERMINAR DE + INF. Un grupo de mariscadoras acaban de vender a súa mercadoría na lonxa a un prezo récord.
DEIXAR/PARAR DE + INF. O estudantado deixou de manifestarse tras o anuncio da consellería de reconsiderar a desaparición do servizo de comedores escolares.
VIR DE + INF. A alcaldesa viña de recibir os afectados polas inundacións para valorar a posibilidade de declarar a zona como catastrófica.
DAR + PART. Tras quince horas de negociación continuada patronal e sindicatos dan chegado ao acordo salarial para o vindeiro ano.
IR + PART. Xa ía rematado o encontro cando chegaron as forzas da orde pública para parar os disturbios.
LEVAR + PART. O guindastre municipal xa leva retirado máis dunha centena de vehículos mal estacionados na súa primeira semana de funcionamento. - Na súa campaña de alimentación solidaria, Eroski leva repartido dez toneladas de alimentos nos comedores sociais.
TER + PART. En tan só tres días centos de negocios pobrenses xa teñen actualizado a licenza municipal de apertura á nova lexislación.

  • Reiterativas (acción repetida)

VOLVER A + INF. Por terceira vez nas últimas cinco semanas volve a subir o prezo do gasóleo en España.
LEVAR + PART. Cando se levou a cabo o peche do local xa a policía municipal levaba recibido máis de cincuenta denuncias por ruídos nocturnos.
TER + PART. Unha atleta pobrense irá ás vindeiras olimpíadas, esta cita completará a súa carreira deportiva na que ten participado en numerosas competicións internacionais.

  • Terminativas (acción na súa fin)

ACABAR POR + INF. O ministro acusado de malas prácticas fiscais acabou por dimitir despois de múltiplas contradicións ante a prensa.
CHEGAR A + INF. Na pescuda da adolescente desaparecida o pasado mércores chegou a participar unha unidade especial do exército de terra.
VIR A + INF. Tras unha década de traballo unha investigadora privada vén a demostrar a inocencia da acusada do parricidio de Cabo de Cruz.


Ningún comentario:

Publicar un comentario