28 de abril de 2016

Exame liberatorio do vindeiro 3 de maio

MATERIA AVALIABLE no exame liberatorio do 3 de maio:
  • Clasificación morfolóxica*
  • Segmentación morfolóxica con clasificación da palabra segundo a súa estrutura mórfica
  • Clasificación semántica (no caso dos substantivos)
  • Sociolingüística**
  1. A antroponimia en galego.
  2. A diversidade lingüística e o galego no mundo.
  3. A diversidade lingüística de España. A lusofonía.
  4. Lingua minoritarias / Lingua minorizadas.
  5. Multilingüismo / Bilingüismo / Diglosia.
  6. Os prexuízos do galego.

*Entran todos os tipos de subtipos de palabras agás as onomatopeas e interxeccións.
**Nos contidos de sociolingüística desenvolverase 1 tema elixido ao chou. (Extensión aproximada 200-250 palabras)

ESQUEMA DA PROBA (2 preguntas):

1 – Clasifica morfoloxicamente (prep., loc. preposicional, etc.). Se se trata de substantivos, adxectivos ou verbos, ademais segméntaos, xustifica cada un dos morfemas formantes con outra palabra, e clasifícaos segundo a súa estrutura mórfica (simple, derivada, composta ou parasintética). De seren substantivos, ademais realiza a clasificación semántica. De seren perífrases verbais indica o seu valor ou valores e escribe unha oración cun dos seus valores. (8 puntos)

2 – Sociolingüística. (2 puntos)
 

CUALIFICACIÓN:
  • As persoas cualificadas cunha nota igual ou superior a 5 puntos libéranse da materia avaliada nel na convocatoria de xuño da materia. 
  • As persoas cualificadas cunha nota abranguida entre 3,5 e 4,9 non liberan materia, só se liberarán da materia avaliada nel na convocatoria de xuño no caso de que a media co exame de léxico fose igual ou superior a 5.

Advertencia

Nos exemplos das perífrases verbais había un erro na perífrase levar + participio con valor reiterativo, xa está corrixido, o exemplo actual é o correcto.

26 de abril de 2016

Amor faz a min amar tal senhor. Airas Nunes

Amor faz a min amar tal senhor
que é máis fremosa de quantas sei,
e faz-m'alegr'e faz-me trobador,
cuidand'en ben sempr'; e máis vos direi:
     faz-me viver en alegrança
e faz-me toda vía en ben cuidar.
     Pois min Amor non quer leixar
     e dá-m'esforc'e asperança,
mal venh'a quen se del desasperar.

Ca per Amor cuid'eu máis a valer,
e os que del desasperados son
nunca poderán nen ũu ben haver,
mais haver mal; e por esta razón
     trob'eu e non per antolhança,
mais pero que sei mui lealment'amar.
     Pois min Amor non quer leixar
     e dá-m'esforc'e asperança,
mal venh'a quen se del desasperar.

Cousecen min os que amor non han
e non cousecen si, vedes que mal!,
ca trob'e canto por senhor, de pran,
que sobre quantas hoj'eu sei val
     de beldad'e de ben falar,
     e é cousida sen dultança.
Atal am'eu, e por seu quer'andar.
     Pois min Amor non quer leixar
     e dá-m'esforc'e asperança,
mal venh'a quen se del desasperar.
                                           Airas Nunes

Perífrases verbais

Unha perífrase é unha construción formada por:

1 verbo en forma persoal, verbo auxiliar – achega o significado gramatical
1 verbo en forma nominal (infinitivo, xerundio ou participio), verbo auxiliado – achega o significado léxico
Pode aparecer tamén entre eles 1 elemento de enlace (preposición ou conxunción)
O goberno ten (vbo. auxiliar) que (ele. de enlace) elixir (vbo. auxiliado) a data dos próximos comicios.

TEMPORAIS

  • Futuridade

IR + INF. Imos xogar á billarda.
*IR + INF. non é perífrase cando implica desprazamento (– Chamaron do taller e fun buscar o coche.)
*IR A + INF. = castelanismo (*Van a subir os xuros. – Van subir os xuros.)
HABER (DE) + INF. Heime presentar ao premio de narrativa breve da Deputación da Coruña.

  • Inminencia

HABER (en pretérito) (DE) + INF. Houben suspender por faltas, teño que mellorar a  miña ortografía.
QUERER + INF. Leva todo o día que quere chover pero de momento vaise aguantando.
*QUERER + INF. non é perífrase cando o suxeito de querer é o axente (– O Manuel quere saír á rúa.)
ESTAR A/PARA + INF. Están a saír as notas de selectividade.


MODAIS

  • Obriga
DEBER + INF. Tras estes resultados os partidos deben chegar necesariamente a un acordo.
HABER (DE) + INF. O goberno ha de comparecer nunha sesión de control parlamentaria.
HABER QUE + INF. Hai que presentar a declaración do IRPF antes do vindeiro mércores.
TER QUE/DE + INF. A UE ten que/de axudar os refuxiados se quere respectar os dereitos humanos.

  • Hipótese
DEBER DE + INF. O ministro de facenda manifestou que o número de defraudadores debe de ser superior ao medio millón de persoas.
HABER (DE) + INF. Os membros da selección galega de fútbol han de ter unha media de vinte e tres anos.

  • Probabilidade
PODER + INF. Os xuros podían baixar se o banco central europeo apostase fortemente polo abaratamento dos cartos.
*PODER + INF. non é perífrase cando significa “ser capaz de” e o segundo verbo é o CD directo do verbo “poder” (– Se a UE aumenta a marxe de inflación o goberno poderá reducir os recortes.) 


ASPECTUAIS

  • Incoativas (acción no seu inicio)

BOTAR(SE) A + INF. Tras o disparo de saída milleiros de persoas botáronse a correr polas rúas compostelás no maratón do día do deporte.
COMEZAR A + INF. O novo goberno non comezará a tomar medidas de gasto ata ter os resultados da auditoría externa das contas municipais.
DAR EN + INF. A afección deu en asubiar as actuacións arbitrais malia beneficiaren o equipo local.
POÑER/PÓR A + INF. Os preferentistas puxéronse a recompilar información doutros afectados para emprender unha defensa común dos seus intereses.
ROMPER A + INF. Sorprendente final das festas ribeirenses, rompeu a sarabiar durante o lanzamento dos fogos artificiais.

  • Imperfectivas (acción non rematada ou no seu desenvolvemento)

ANDAR A  + INF. /  ANDAR + XER. No IES da Pobra do Caramiñal andan a desenvolver/desenvolvendo estes días as actividades da semana cultural anual.
ESTAR A + INF. / ESTAR + XER.  As autoridades sanitarias están a desenvolver/ desenvolvendo ao longo deste mes a campaña de vacinación anual contra a gripe común.
LEVAR A  + INF. / LEVAR + XER. O corpo municipal de bombeiros leva a traballar/traballando toda a noite na extinción dun incendio declarado onte á tarde nas inmediacións da Curota.
SEGUIR/CONTINUAR A  + INF. / SEGUIR/CONTINUAR + XER. O desacordo dos principais líderes políticos segue a impedir/impedindo a formación dun novo goberno.
IR + XER. Os romeiros do nazareno van chegando á Pobra do Caramiñal ao longo da mañá en autobuses procedentes de toda Galicia e doutras comunidades autónomas.
SER A + XER. Todos os seareiros eran a aplaudir a xogadora no derradeiro partido da súa carreira profesional.
VIR + XER. Dúas biólogas da USC descobren unha nova especie parecida ao mexillón durante uns estudos de campo que veñen desenvolvendo nos últimos meses na ría de Arousa.

  • Perfectivas (acción xa rematada)

ACABAR/REMATAR/TERMINAR DE + INF. Un grupo de mariscadoras acaban de vender a súa mercadoría na lonxa a un prezo récord.
DEIXAR/PARAR DE + INF. O estudantado deixou de manifestarse tras o anuncio da consellería de reconsiderar a desaparición do servizo de comedores escolares.
VIR DE + INF. A alcaldesa viña de recibir os afectados polas inundacións para valorar a posibilidade de declarar a zona como catastrófica.
DAR + PART. Tras quince horas de negociación continuada patronal e sindicatos dan chegado ao acordo salarial para o vindeiro ano.
IR + PART. Xa ía rematado o encontro cando chegaron as forzas da orde pública para parar os disturbios.
LEVAR + PART. O guindastre municipal xa leva retirado máis dunha centena de vehículos mal estacionados na súa primeira semana de funcionamento. - Na súa campaña de alimentación solidaria, Eroski leva repartido dez toneladas de alimentos nos comedores sociais.
TER + PART. En tan só tres días centos de negocios pobrenses xa teñen actualizado a licenza municipal de apertura á nova lexislación.

  • Reiterativas (acción repetida)

VOLVER A + INF. Por terceira vez nas últimas cinco semanas volve a subir o prezo do gasóleo en España.
LEVAR + PART. Cando se levou a cabo o peche do local xa a policía municipal levaba recibido máis de cincuenta denuncias por ruídos nocturnos.
TER + PART. Unha atleta pobrense irá ás vindeiras olimpíadas, esta cita completará a súa carreira deportiva na que ten participado en numerosas competicións internacionais.

  • Terminativas (acción na súa fin)

ACABAR POR + INF. O ministro acusado de malas prácticas fiscais acabou por dimitir despois de múltiplas contradicións ante a prensa.
CHEGAR A + INF. Na pescuda da adolescente desaparecida o pasado mércores chegou a participar unha unidade especial do exército de terra.
VIR A + INF. Tras unha década de traballo unha investigadora privada vén a demostrar a inocencia da acusada do parricidio de Cabo de Cruz.


25 de abril de 2016

Por minutos


A dona que eu am'e tenho por senhor. Bernal de Bonaval



A dona que eu am'e tenho por senhor
amostrade-mi-a, Deus, se vos em prazer for,
se nom dade-mi-a morte.

A que tenh'eu por lume d'estes olhos meus
e por que choram sempre, amostrade-mi-a, Deus,
se nom dade-mi-a morte.
 
Essa que vós fezestes melhor parecer
de quantas sei, ai Deus!, fazede-mi-a veer,
se nom dade-mi-a morte.

Ai, Deus! qui mi-a fezestes mais ca mim amar,
mostrade-mi-a u possa com ela falar,
se nom dade-mi-a morte.


Pena, Xosé Ramón (1986), Literatura galega medieval, T. II Antoloxía (Barcelona: Sotelo Blanco

22 de abril de 2016

Práctica de análise morfolóxica de realización voluntaria

  1. Aluaxe
  2. Daqueloutra
  3. Augamariña
  4. Avultamento
  5. Camposanto
  6. Desventura
  7. Polo tanto
  8. Gardarríos
  9. Ingobernabilidade
  10. Lanzamísiles
  11. Limpaparabrisas
  12. Maleducado
  13. Malquerenza
  14. Marisco
  15. Ata que
  16. Matarratos
  17. Segundo
  18. Testamenteiro
  19. Tiraleite
  20. Xalundes

Traballo para a semana do 25 de abril: comentarios de cantigas de amor.




  • Comentario de texto literario de A dona que eu am'e teño por señor de Bernal de Bonaval (p. 100) para a sesión do martes.

  • Comentario de texto literario de Amor faz a min amar tal señor de Airas Núnez (p. 103) para a sesión do mércores (1B) ou xoves (1A).

19 de abril de 2016

Pero Meogo – “Levóus’ a louçana, levóus’ a velida”




Pero Meogo: “Levóus’ a louçana, levóus’ a velida” – LIÑAS DE COMENTARIO TEXTUAL

CARACTERÍSTICAS LINGÜÍSTICAS COMO PRODUCIÓN MEDIEVAL
Ortográficas:
· levóus / levou,  velida, amava (vacilación na escrita)
· lhi (representación co dígrafo lh do fonema lateral palatal hoxe representado con ll)
· levousa (apóstrofo  para marcar a elisión dunha vogal)
Fónicas:
· levous’a / louçana / passou (representación do sistema fonolóxico medieval de seis sibilantes)
· muit’ (hoxe forma dialectal)
Léxicas:
· louçana, fontana (arcaísmos)
Semánticas:
· cambio semántico: levous’a (sgdo. erguerse) / volvía a augua (sgdo. toldar)

CARACTERÍSTICAS COMO PRODUTO TEXTUAL
· texto literario (produto fragmentario – reprodución textual dun produto cultural oral e representado – conservado na escrita nos cancioneiros) – lírica – amatoria

CARACTERÍSTICAS ATENDENDO AO SIGNIFICADO
· lectura literal (unha  moza vai lavar o cabelo na fonte, pasa por alí seu amigo, un cervo tolda a auga e ela está contenta) / lectura implícita (unha moza prepárase para o encontro sexual, preséntase o amigo e este consúmase, a muller fica gozosa)
· símbolos: lavar os cabelos (rito iniciático) – cervo (virilidade) – volver  as augas (encontro sexual)
· voz lírica indeterminada, narrador omnisciente
· personaxes: voz lírica testemuña – a amiga – o amigo
· espazo: indeterminación topográfica, só unha fonte (lugar propio de encontro amoroso)
· xénero: c. de amigo (amigo, perspectiva da muller – C. da Vaticana ou C. da Biblioteca Nacional de Lisboa) / subxénero sen determinar

CARACTERÍSTICAS ATENDENDO AO ESTILO
· estrutura externa (6 cobras) / interna (3 partes marcadas polo paralelismo literal 2 a 2)
· paralelismo (capacidade  mnemotécnica)
-   paralelismo literal ou verbal (1, 2, 3) por inversión (alteración sintáctica 4), por substitución por sinonimia (5)
-   refrán (último verso de cada cobra 6) – c. de refrán
-   leixaprén (indicado no texto 7)
· versos dodecasílabos con rima grave asonante (sitúa o poema preto do modelo primitivo imitador dun lirismo autóctono tradicional)

CONCLUSIÓN
· Produción literaria medieval
· Cantiga de amigo (produto singular da lírica galego-portuguesa)
· Pero Meogo (xograr galego – 9 cantigas de amigo)
· complexidade formal (baixo aparencia de sinxeleza) 

11 de abril de 2016

Digades, filha, mia filha velida. Pero Meogo

-"Digades, filha, mia filha velida,
porque tardastes na fontana fría?".
-"Os amores ei".

-"Digades, filha, mia filha louçana,
porque tardastes na fría fontana?".
-"Os amores ei".

-"Tardei, mia madre, na fontana fría,
cervos do monte a augua volvían.
Os amores ei.

Tardei, mia madre, na fría fontana,
cervos do monte volvían a augua.
Os amores ei".

-"Mentís, mia filha, mentís por amigo,
nunca vi cervo que volvess' o río".
-"Os amores ei".

-"Mentís, mia filha, mentís por amado,
nunca vi cervo que volvess' o alto".
-"Os amores ei".

Brea, Mercedes (dir.) (1996), Lírica Profana Galego-Portuguesa. (Santiago: Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro - Xunta de Galicia).


Pero Meogo foi un xograr galego da Idade Media.
Del non se ten case información, e suponse que debeu ser contemporáneo do rei Don Dinís de Portugal (que reinou desde 1279 até 1325). Consérvanse nove cantigas de amigo da súa autoría.
Os especialistas na lírica medieval galego-portuguesa Carlos Alvar e Vicente Beltrán sitúan a obra de Pero Meogo a medio camiño entre a cantiga narrativa e a de amigo. Neste autor vese un amplo uso de símbolos da natureza, especialmente do cervo e a auga.
Fonte:
"Pero Meogo" na Galipedia.

5 de abril de 2016

Rúbrica de avaliación dunha exposición oral con presentación I


Despois dos diversos aspectos analizados na aula, agora só nos queda cubrir as diferentes celas da rúbrica cos seus correspondentes indicadores de logro.

4 de abril de 2016

Comentario de cantiga medieval

COMENTARIO DE CANTIGA MEDIEVAL  
BLOQUE I – Texto medieval 
1. Localización do texto como un produto lingüístico da Idade Media. 
BLOQUE II – Texto literario
2. A súa condición como texto literario. 
3. Identificación como texto lírico e dentro da lírica xustificar se é un exemplo de lírica amatoria ou burlesca. 
BLOQUE III – Análise do contido 
4. Análise do contido de cada cobra. 
5. Voz lírica. 
6. Caracterización das personaxes.
7. Interlocutores.
8. Espazos.
9. Dedución do xénero a partir do contido mediante a localización das súas características propias.
10. Especificidades dese xénero e posible determinación do subxénero. 

BLOQUE IV – Análise da forma
11. Disposición estrutural en cobras e versos e clasificación atendendo a ela.
12. Presenza do paralelismo, xustificación do recurso e presenza de diferentes tipos.
13. Outros recursos estilísticos propios da época.

BLOQUE V – Conclusión
14. Outras cuestións como posible localización temporal, xeográfica ou persoal.
15. Conclusión valorativa sobre este tipo de produción literaria.

1 de abril de 2016

Literatura Medieval - Introdución

1. Visiona o seguinte capítulo titulado Lingua de reis. Lingua do pobo e realiza un esquema das ideas principais expostas no vídeo.




2. Agora poderemos ver unha síntese da literatura trobadoresca grazas á aula do profesor brasileiro Ibirá Costa de AuladE.com.br, un proxecto educativo de carácter social desenvolvido por profesorado co obxectivo de democratizar o coñecemento a través de aulas expositivas distribuídas de balde nas redes sociais.




3. Por último, nesta animación interactiva do Fitzwilliam Museum da Universidade de Cambridge poderemos ver as fases de elaboración dun manuscrito medieval. Este recurso baséase nunha páxina dun antigo libro do séc. XIV realizado para un bispo francés e que se coñece como o Pontifical de Metz.
Vía Caderno de Lingua.