30 de outubro de 2013

Semana do 4 de novembro

Imaxe vía Lengua y literatura.
  1. Deberedes traer á aula o libro de lectura obrigatoria Ollos de auga de Domingo Villar. 
  2. O libro deberá estar rematado de ler na súa totalidade (luns). 
  3. Tamén deberedes traer preparada a seguinte actividade. Na aula realizaremos as gravacións dos resumos (1B o martes e 1A o mércores).
ACTIVIDADE: Resume oralmente a novela en dous minutos. 
Esta é unha actividade na que traballarás o discurso oral planificado, isto significa que antes de pronunciar o teu resumo deberás preparalo. Para isto ten en conta as seguintes recomendacións: nun papel fai un esquema previo para elixir ben o que vas dicir, fíxate en que a túa linguaxe debe ser correcta, por último practica na casa para medir ben o tempo. É importante que ensaies diante dun espello así poderás traballar tamén a túa linguaxe non verbal (posturas, acenos...), todo conta. 

21 de outubro de 2013

Organización pola folga contra a LOMCE

 
Debido á folga convocada para esta semana fágovos un avance do que deberedes ter ao día para a vindeira semana e que así todo o mundo se organice como queira.Para respectar o dereito do alumnado que asista á aula nos días de folga, este deberá traer libro de texto e caderno e realizaremos actividades dese libro e doutro que levarei eu. O alumnado que secunde a folga non deberá realizar esas actividades.

Distribución das sesións de aula da semana do luns 28

1ª Sesión- Exame oral ou escrito dos contidos do tema 1, das preposicións e do vocabulario visto ao longo do curso.

2ª Sesión
- Deberedes traer á aula o libro de lectura obrigatoria Ollos de auga de Domingo Villar.
- Do libro deberedes ter lido como mínimo ata o capítulo que inclúa a páx. 100 incluído.

30 de setembro de 2013

Partes do corpo

Instalación de Spencer Tunick en Ámsterdan.
PARTES DO CORPO
A CABEZA: o curuto; a cara, face ou faciana; a fronte; a tempa, sen ou vidalla; a orella; o ollo; a cella; o cello; a pálpebra; a pestana; o iris; a pupila ou meniña do ollo; a fazula ou meixela; a bochecha ou o pómulo; o nariz; as ventas do nariz; a boca; o beizo ou labio; o dentame, a dentadura ou a dentición; o dente; o cairo; a moa (moa do xuízo ou moa do siso); a lingua; o padal ou ceo da boca; o veo do padal; a campaíña ou úvula; a gorxa; o queixo; a queixada (rexión da meixela que se corresponde coa mandíbula); a papada, o papo (papo da cara) ou a papeira; o colo ou o pescozo (non se pode utilizar pescozo para as prendas de roupa); a noz; a caluga ou noca.
O TRONCO: o ombreiro ou ombro; a axila ou sobrazo; as costas; a omoplata; o lombo (dende os ombreiros ata a cintura); o cadril (parte baixa a continuación do lombo, pl. os cadrís); o cu; a nádega ou cacha; a regaña do cu; o ano, o fecho ou o ollo do cu; o peito (xenérico); o peito, o seo, a teta ou a mama; a mamila ou o bico do peito; a aréola; o ventre ou abdome; o van ou a cintura; o embigo; a barriga; a cadeira; a pube; a vulva (coloq. a cona); o pene (coloq. o carallo): o testítulo (coloq. o collón ou o ovo).
O BRAZO:o cóbado; o antebrazo; o pulso; a man; o dorso da man; a palma da man; o coteno, cotelo ou cotobelo; a unlla; a xema do dedo; os dedos;o polgar, matapiollos ou cachapiollos; o índice, mostreiro ou furabolos; o corazón, maior ou pai de todos; o anular, mediano, medianiño ou dedo do aro; o maimiño ou pequeniño.
A PERNA: a ingua, éngoa ou virilla; a coxa; o nocello; a sofraxe; a canela; o papo da perna; o nocello, o noelo ou o tornecelo; o pé; a empeña; a deda; a planta do pé; o calcaño, o calcañar ou a calcañeira.