28 de abril de 2016

Exame liberatorio do vindeiro 3 de maio

MATERIA AVALIABLE no exame liberatorio do 3 de maio:
  • Clasificación morfolóxica*
  • Segmentación morfolóxica con clasificación da palabra segundo a súa estrutura mórfica
  • Clasificación semántica (no caso dos substantivos)
  • Sociolingüística**
  1. A antroponimia en galego.
  2. A diversidade lingüística e o galego no mundo.
  3. A diversidade lingüística de España. A lusofonía.
  4. Lingua minoritarias / Lingua minorizadas.
  5. Multilingüismo / Bilingüismo / Diglosia.
  6. Os prexuízos do galego.

*Entran todos os tipos de subtipos de palabras agás as onomatopeas e interxeccións.
**Nos contidos de sociolingüística desenvolverase 1 tema elixido ao chou. (Extensión aproximada 200-250 palabras)

ESQUEMA DA PROBA (2 preguntas):

1 – Clasifica morfoloxicamente (prep., loc. preposicional, etc.). Se se trata de substantivos, adxectivos ou verbos, ademais segméntaos, xustifica cada un dos morfemas formantes con outra palabra, e clasifícaos segundo a súa estrutura mórfica (simple, derivada, composta ou parasintética). De seren substantivos, ademais realiza a clasificación semántica. De seren perífrases verbais indica o seu valor ou valores e escribe unha oración cun dos seus valores. (8 puntos)

2 – Sociolingüística. (2 puntos)
 

CUALIFICACIÓN:
  • As persoas cualificadas cunha nota igual ou superior a 5 puntos libéranse da materia avaliada nel na convocatoria de xuño da materia. 
  • As persoas cualificadas cunha nota abranguida entre 3,5 e 4,9 non liberan materia, só se liberarán da materia avaliada nel na convocatoria de xuño no caso de que a media co exame de léxico fose igual ou superior a 5.

Advertencia

Nos exemplos das perífrases verbais había un erro na perífrase levar + participio con valor reiterativo, xa está corrixido, o exemplo actual é o correcto.

26 de abril de 2016

Amor faz a min amar tal senhor. Airas Nunes

Amor faz a min amar tal senhor
que é máis fremosa de quantas sei,
e faz-m'alegr'e faz-me trobador,
cuidand'en ben sempr'; e máis vos direi:
     faz-me viver en alegrança
e faz-me toda vía en ben cuidar.
     Pois min Amor non quer leixar
     e dá-m'esforc'e asperança,
mal venh'a quen se del desasperar.

Ca per Amor cuid'eu máis a valer,
e os que del desasperados son
nunca poderán nen ũu ben haver,
mais haver mal; e por esta razón
     trob'eu e non per antolhança,
mais pero que sei mui lealment'amar.
     Pois min Amor non quer leixar
     e dá-m'esforc'e asperança,
mal venh'a quen se del desasperar.

Cousecen min os que amor non han
e non cousecen si, vedes que mal!,
ca trob'e canto por senhor, de pran,
que sobre quantas hoj'eu sei val
     de beldad'e de ben falar,
     e é cousida sen dultança.
Atal am'eu, e por seu quer'andar.
     Pois min Amor non quer leixar
     e dá-m'esforc'e asperança,
mal venh'a quen se del desasperar.
                                           Airas Nunes

Perífrases verbais

Unha perífrase é unha construción formada por:

1 verbo en forma persoal, verbo auxiliar – achega o significado gramatical
1 verbo en forma nominal (infinitivo, xerundio ou participio), verbo auxiliado – achega o significado léxico
Pode aparecer tamén entre eles 1 elemento de enlace (preposición ou conxunción)
– O goberno ten (vbo. auxiliar) que (ele. de enlace) elixir (vbo. auxiliado) a data dos próximos comicios.

TEMPORAIS

  • Futuridade

IR + INF. Imos xogar á billarda.
*IR + INF. non é perífrase cando implica desprazamento (– Chamaron do taller e fun buscar o coche.)
*IR A + INF. = castelanismo (*Van a subir os xuros. – Van subir os xuros.)
HABER (DE) + INF. Heime presentar ao premio de narrativa breve da Deputación da Coruña.

  • Inminencia

HABER (en pretérito) (DE) + INF. Houben suspender por faltas, teño que mellorar a  miña ortografía.
QUERER + INF. Leva todo o día que quere chover pero de momento vaise aguantando.
*QUERER + INF. non é perífrase cando o suxeito de querer é o axente (– O Manuel quere saír á rúa.)
ESTAR A/PARA + INF. Están a saír as notas de selectividade.


MODAIS

  • Obriga
DEBER + INF. Tras estes resultados os partidos deben chegar necesariamente a un acordo.
HABER (DE) + INF. O goberno ha de comparecer nunha sesión de control parlamentaria.
HABER QUE + INF. Hai que presentar a declaración do IRPF antes do vindeiro mércores.
TER QUE/DE + INF. A UE ten que/de axudar os refuxiados se quere respectar os dereitos humanos.

  • Hipótese
DEBER DE + INF. O ministro de facenda manifestou que o número de defraudadores debe de ser superior ao medio millón de persoas.
HABER (DE) + INF. Os membros da selección galega de fútbol han de ter unha media de vinte e tres anos.

  • Probabilidade
PODER + INF. Os xuros podían baixar se o banco central europeo apostase fortemente polo abaratamento dos cartos.
*PODER + INF. non é perífrase cando significa “ser capaz de” e o segundo verbo é o CD directo do verbo “poder” (– Se a UE aumenta a marxe de inflación o goberno poderá reducir os recortes.) 


ASPECTUAIS

  • Incoativas (acción no seu inicio)

BOTAR(SE) A + INF. Tras o disparo de saída milleiros de persoas botáronse a correr polas rúas compostelás no maratón do día do deporte.
COMEZAR A + INF. O novo goberno non comezará a tomar medidas de gasto ata ter os resultados da auditoría externa das contas municipais.
DAR EN + INF. A afección deu en asubiar as actuacións arbitrais malia beneficiaren o equipo local.
POÑER/PÓR A + INF. Os preferentistas puxéronse a recompilar información doutros afectados para emprender unha defensa común dos seus intereses.
ROMPER A + INF. Sorprendente final das festas ribeirenses, rompeu a sarabiar durante o lanzamento dos fogos artificiais.

  • Imperfectivas (acción non rematada ou no seu desenvolvemento)

ANDAR A  + INF. /  ANDAR + XER. No IES da Pobra do Caramiñal andan a desenvolver/desenvolvendo estes días as actividades da semana cultural anual.
ESTAR A + INF. / ESTAR + XER.  As autoridades sanitarias están a desenvolver/ desenvolvendo ao longo deste mes a campaña de vacinación anual contra a gripe común.
LEVAR A  + INF. / LEVAR + XER. O corpo municipal de bombeiros leva a traballar/traballando toda a noite na extinción dun incendio declarado onte á tarde nas inmediacións da Curota.
SEGUIR/CONTINUAR A  + INF. / SEGUIR/CONTINUAR + XER. O desacordo dos principais líderes políticos segue a impedir/impedindo a formación dun novo goberno.
IR + XER. Os romeiros do nazareno van chegando á Pobra do Caramiñal ao longo da mañá en autobuses procedentes de toda Galicia e doutras comunidades autónomas.
SER A + XER. Todos os seareiros eran a aplaudir a xogadora no derradeiro partido da súa carreira profesional.
VIR + XER. Dúas biólogas da USC descobren unha nova especie parecida ao mexillón durante uns estudos de campo que veñen desenvolvendo nos últimos meses na ría de Arousa.

  • Perfectivas (acción xa rematada)

ACABAR/REMATAR/TERMINAR DE + INF. Un grupo de mariscadoras acaban de vender a súa mercadoría na lonxa a un prezo récord.
DEIXAR/PARAR DE + INF. O estudantado deixou de manifestarse tras o anuncio da consellería de reconsiderar a desaparición do servizo de comedores escolares.
VIR DE + INF. A alcaldesa viña de recibir os afectados polas inundacións para valorar a posibilidade de declarar a zona como catastrófica.
DAR + PART. Tras quince horas de negociación continuada patronal e sindicatos dan chegado ao acordo salarial para o vindeiro ano.
IR + PART. Xa ía rematado o encontro cando chegaron as forzas da orde pública para parar os disturbios.
LEVAR + PART. O guindastre municipal xa leva retirado máis dunha centena de vehículos mal estacionados na súa primeira semana de funcionamento. - Na súa campaña de alimentación solidaria, Eroski leva repartido dez toneladas de alimentos nos comedores sociais.
TER + PART. En tan só tres días centos de negocios pobrenses xa teñen actualizado a licenza municipal de apertura á nova lexislación.

  • Reiterativas (acción repetida)

VOLVER A + INF. Por terceira vez nas últimas cinco semanas volve a subir o prezo do gasóleo en España.
LEVAR + PART. Cando se levou a cabo o peche do local xa a policía municipal levaba recibido máis de cincuenta denuncias por ruídos nocturnos.
TER + PART. Unha atleta pobrense irá ás vindeiras olimpíadas, esta cita completará a súa carreira deportiva na que ten participado en numerosas competicións internacionais.

  • Terminativas (acción na súa fin)

ACABAR POR + INF. O ministro acusado de malas prácticas fiscais acabou por dimitir despois de múltiplas contradicións ante a prensa.
CHEGAR A + INF. Na pescuda da adolescente desaparecida o pasado mércores chegou a participar unha unidade especial do exército de terra.
VIR A + INF. Tras unha década de traballo unha investigadora privada vén a demostrar a inocencia da acusada do parricidio de Cabo de Cruz.


25 de abril de 2016

Por minutos


A dona que eu am'e tenho por senhor. Bernal de Bonaval



A dona que eu am'e tenho por senhor
amostrade-mi-a, Deus, se vos em prazer for,
se nom dade-mi-a morte.

A que tenh'eu por lume d'estes olhos meus
e por que choram sempre, amostrade-mi-a, Deus,
se nom dade-mi-a morte.
 
Essa que vós fezestes melhor parecer
de quantas sei, ai Deus!, fazede-mi-a veer,
se nom dade-mi-a morte.

Ai, Deus! qui mi-a fezestes mais ca mim amar,
mostrade-mi-a u possa com ela falar,
se nom dade-mi-a morte.


Pena, Xosé Ramón (1986), Literatura galega medieval, T. II Antoloxía (Barcelona: Sotelo Blanco