O REXURDIMENTO
As
circunstancias históricas condicionaron o seu esmorecemento e silencio á fin da
Idade Media e, cando rexurdiu no século XIX, a nosa literatura volveu nacer con
dúas características que a condicionaron desde o comezo:
1.
A carencia de tradición literaria escrita: os nosos escritores decimonónicos
comezaban a coñecer o legado medieval.
2.
A significación ideolóxica: trátase dunha literatura
de resistencia.
No
século XIX e nos comezos do séc. XX desenvólvese un movemento de recuperación
da lingua, da literatura e da cultura galegas que permite a consolidación dun sistema literario galego
autónomo. Resulta admirable o labor destes autores que comezan a utilizar
como lingua literaria un idioma desprezado pola cultura oficial e relegado a
lingua rural e familiar. A utilización do galego é reflexo dunha actitude de
compromiso, o que explica a abundante temática comprometida da literatura
galega contemporánea. Mesmo naqueles casos en que non atopamos esa temática, a
escolla do galego conforma xa de seu unha posición ideolóxica.
No
século XIX e ata o derradeiro terzo do século XX, a literatura galega corre
paralela á orixe e ao desenvolvemento da ideoloxía galeguista, primeiro
provincialista (para os precursores e para os autores do Rexurdimento pleno), despois
rexionalista (para os autores de entre os dous séculos) e máis tarde
nacionalista (para os creadores da época Nós).
Adoitamos
dividir o Rexurdimento en tres períodos:
1. Período
precursor (iníciase co Galeguismo en 1833 e remata coa publicación de Cantares
Gallegos en 1863, considerado a obra fundacional da literatura galega
moderna). Son autores desta etapa: Xoán Manuel Pintos (A gaita gallega), Marcial
Valladares (autor da primeira novela en galgo, Maxina ou a filla espúrea, 1888)
e Francisco Añón.
2. Rexurdimento
pleno (dende 1863 ata 1888, ano da publicación de O divino sainete de Curros Enríquez, considerada a derradeira
grande obra desta época). Nesta etapa coinciden publicando os tres grandes
escritores do Rexurdimento (Rosalía, Curros e Pondal).
3. Período
finisecular (dende 1888 ata 1916 ano en que nacen as Irmandades da Fala).
Outros poetas continúan o labor de recuperación do idioma galego e de
revalorización da nosa cultura. Neste momento aparecen as primeiras mostras
narrativas e teatrais. Publican nesta época: Lamas Carvajal, Antonio López Ferreiro
e Lugrís Freire, entre moitos outros.
Podemos
sinalar os catro principais obxectivos dos intelectuais do Rexurdimento:
1. Cambiar
a consideración negativa do galego e ampliar as súas funcións sociais.
2. Estudar,
depurar e perfeccionar a lingua para conseguir un modelo de galego culto, por
enriba das variedades dialectais.
3. Recuperar
o pasado histórico de Galicia.
4. Reivindicar
a singularidade de Galicia e do galego como un pobo con características
propias.
ROSALÍA DE CASTRO (1837-1891)
Antes
de morrer Rosalía fora branco de aldraxes, mais despois de morrer foi
conscientemente marxinada polos estudosos da literatura española, a pesar de
ter sido a escritora en castelán máis importante da súa época por terse
anticipado, , aos escritores modernistas na súa prosa castelá e aos
pensadores existencialistas do séc. XX na
súa poética. A maioría das voces da época só tiveron a ben recoñecer o
pintoresquismo e o costumismo de Cantares Gallegos.
Así
a imaxe interesadamente terxiversada que nos chegou de Rosalía foi a dunha
muller resignada, enfermiza, chorosa, nai abnegadísima e amantísima esposa,
saudosa e folclórica. Durante moito tempo mesmo se chegou a cuestionar a
autoría dos seus poemas, asignándolle ao seu home, M. Murguía, a súa creación,
pois foi considerada habitualmente como muller de escasa formación cultural.
Non se estudaba realmente a obra de Rosalía, analizábase a súa vida, aínda hoxe
podemos comprobar isto nos numerosos blogs e webs sobre ela, case todas comezan
do mesmo xeito: nacemento ilexítimo, figura paterna ausente que se transloce na
“negra sombra”, formación aldeá, descuberta da súa condición de ilexítima e
trauma para toda a vida…
“Estranxeira
na súa patria” é o título dun dos poemas de Follas Novas (1880), no que
fala da soidade ante a "interminable procesión dos mortos" que non
daban "sinal nin mostra de habela nalgún tempo coñecido", a pesar de
seren uns "seus amantes" outros "deudos" e outros
"amigos, compañeiros da infancia, serventes e veciños". Isto causa
nela un sentimento de desarraigo que a leva a autocaracterizarse como
"estranxeira na súa patria", polo desprezo co que a trata a sociedade
da súa época. Ese é o título (Rosalía,
estranxeira na súa terra, marzo 2011) que Francisco Rodríguez escolleu para
profundar na súa tese de doutoramento e argumentar con probas de peso (cartas
persoais, xornais da época…) o que daquela insinuaba. En palabras do
investigador, ela mesma se atribúe a calidade de estranxeira na súa condición de persoa que,
paradoxalmente, representando o espírito xenuíno do pobo galego, o seu dereito
á existencia, o seu esforzo por ocupar un lugar na historia, sen embargo para
os sectores intermediarios de Galiza, a Igrexa Católica, a pequena e mediana
burguesía españolizada, os sectores máis reaccionarios, pois era unha muller
molesta, marxinada e perseguida, especialmente durante a Restauración.
Rosalía,
lonxe de ser unha nai abnegadísima, exerce o control sobre a súa maternidade.
De feito pasarán dez anos entre a primeira filla (casara preñada dela) e a
segunda, a razón, asegura Francisco Rodríguez, foi a súa carreira literaria.
Rosalía quería ser escritora e vivir da literatura. Probabelmente esa sexa a
razón pola que se empeñou en viaxar a Madrid co seu home e en publicar en
castelán. Foi en Madrid onde Rosalía de Castro tomou conciencia de que Galicia estaba en situación marxinal e moi
discriminada no Estado español, que estaba en construción, e quixo contribuír á
súa evolución sentando as bases dunha Literatura en lingua galega,
desenvolvendo a súa obra nunha vertente en castelán, para vender e vivir dela,
e noutra vertente reivindicativa, para xente culta, en lingua galega.
Tampouco
se aproxima esta “nova Rosalía” ao papel de amantísima esposa que a
historiografía española reservara para ela. O matrimonio Rosalía-Murguía foi un
bo acordo para dúas persoas que estaban entregadas á creación en función dunha
causa maior: a construción dun país.
Rosalía,
lonxe de ser unha muller resignada foi, en palabras de Francisco Rodríguez, un exemplo de feminismo, da concepción
práctica de que a muller é igual ao home, máis ca ningunha escritora europea da
súa época. Algo impensable nunha muller de formación aldeá. A nosa autora foi
unha muller de grande cultura. Lera os clásicos greco-latinos, era boa
coñecedora da literatura europea da súa época e especialmente das obras dos
filósofos. Manexábase en francés e participaba, entre homes, nas tertulias
literarias en Compostela, onde mesmo fixo representacións como actriz
afeccionada.
Eis
a modernidade de Rosalía! A razón de que hoxe a súa poesía siga viva e feraz
(producindo novos creadores que, como lectores, beberan nas súas páxinas) é esa
profundidade de fonte inesgotábel que posúe, mais tamén o xeito de estar e de
ser da súa autora. Rosalía resulta moi atractiva para un lector/a de hoxe, pola
súa actitude revolucionaria, pola súa bohemia, porque saltaba por riba dos
tabús mesmo coa súa relixiosidade (panteísta, ao estilo tradicional galego) e
contraria ao dogma, o que lle valeu o enfrontamento co Arcebispado de Santiago,
que lle negou a homenaxe pública cando o seu corpo foi trasladado ao Panteón
dos Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval.
Obra en
galego
Cantares
gallegos
(17 de maio de 1863)
É
o primeiro libro que se publica escrito integramente en galego, fito co que se
inaugura simbolicamente o Rexurdimento das letras galegas. Esta obra responde a
dúas motivacións, dunha banda, o compromiso explícito da autora coa terra e a
xente de Galicia e o desexo de contribuír á dignificación do seu idioma; doutra
banda, a intención de glosar poeticamente unha serie de coplas populares.
Trátase de 36 poemas onde predominan as compoñentes costumista-folclórica,
amorosa e intimista, aínda que tamén se poden atopar algúns sobre a emigración
e a marxinación do país.
Esta
obra foi acollida con entusiasmo dentro de Galicia e proporcionoulle unha
notable sona no exterior. O éxito foi tal que algúns dos seus poemas eran
coñecidos e recitados de memoria por sucesivas xeracións de mozos e mozas
galegos, mesmo nos anos máis duros da posguerra.
Follas
novas
(1880)
É
un libro no que a autora se esforza en vencellar o persoal co social, en
evolucionar dende o subxectivo ao colectivo. Os 136 poemas organízanse en cinco
apartados: “Vaguedás” e “Do íntimo” contan con poemas de carácter intimista nos
que predomina a subxectividade; “Varia” trata temas de natureza diversa, marca
a transición entre as outras partes; en “Da terra” e “As viudas dos vivos e as viudas
dos mortos” os temas desenvolvidos son de natureza social e costumista e
predomina a obxectividade (denuncia as inxustizas, solidariedade,
feminismo...). Na época esta obra foi valorada negativamente por parte da
crítica que viu nela un atrevemento inadmisible por parte dunha muller.
**
En prosa deixou un conto de tipo popular, Conto gallego, que se
publicou postumamente en 1923 en Bos Aires e o prólogo de Follas Novas
titulado “Dúas palabras da autora” onde se manifesta sen ambigüidade
sobre a súa condición de muller escritora en plena igualdade que os homes e
sobre o seu compromiso co pobo galego e a súa lingua.
EDUARDO
PONDAL (1835-1917)
É un aristócrata que entende a nobreza como guía e condución dun
pobo (o galego) e este como a raza escolleita, considérase membro dunha
oligarquía espiritual que representa a voz e a conciencia da comunidade. Por
iso a poesía de Pondal non é popular, como a dos Cantares de Rosalía. El é un señor de Ponteceso de
caste fidalga, que elabora literariamente o mundo en que vive, grazas á súa
excelente formación clásica. Así, aínda que escribiu sobre o pobo, nunca se
dirixiu a el ao xeito rosaliano porque é un aristócrata e fala para unha elite.
Non lle interesou a lingua galega como fala do seu pobo,
interesoulle como lingua do pobo de Breogán. A súa poética xirará en torno a un
único tema central: Galicia é a patria celta e el o bardo, o poeta da patria
galega, autoenxalzado como home superior ao resto da tribo, pois el é a
conciencia da raza. Cre na orixe celta do noso pobo, con M. Murguía
acubillarase no Rexionalismo e farase cívico, é dicir, adquirirá intención
patriótica, unha vontade de superación colectiva.
En 1877 publica Rumores de los pinos (21 poemas, 11
en galego, 8 en español e 2 nas dúas linguas). O celtismo, a misoxinia e o
bardismo son as compoñentes temáticas e ideolóxicas básicas. Pero habería que
agardar a que Rosalía publicase Follas
Novas en 1880, para que Pondal se decidira a refundir os seus Rumores en Queixumes. Así en 1886 publicou a súa obra Queixumes dos
pinos (91 poemas, 89 en galego e 2 bilingües; incluíndo 17 dos de Rumores: todos en galego, os 2 bilingües
e 4 dos textos inicialmente escritos en español; todos eles corrixidos e
modificados, ademais estes últimos traducidos), dándolles a razón aos
historiógrafos que sitúan a obra do bardo na estela do incipiente simbolismo
estreado por Rosalía. O novo poemario, ademais de continuar a senda do
celtismo, bardismo, ossianismo e misoxinia do primeiro libro, engade agora o
helenismo ou clasicismo. Estes son os elementos que fan inconfundible a súa
poética. Deste xeito, Pondal constrúe unha estética persoal e orixinal, que
desemboca no Simbolismo e, segundo Ferrín, colócase á fronte da Escola
Formalista Galega, en consonancia cronolóxica coa poesía europea de finais do
século XIX.
Foi Pondal o escritor galego do século XIX que
máis se esforzou en crear un rexistro culto, refinado e literario para o
idioma. O galego era para el a lingua antiga que revelaba o pasado e a
natureza. A lingua da Galicia celta, da que non coñecía o cristianismo, da
anterior á romanización, da Galicia rústica onde a paisaxe e os seres que a
poboaban cobran vida propia. Ademais esta lingua antiga é o escudo contra o
avance do castelán e o maior sinal de identidade do pobo galego, porque é o elo
que une a Galicia co seu pasado máis nobre.
Recibe especial atención o tratamento que o
autor fai da muller, Pondal achégase ao feminino de dúas maneiras: ao estilo
dos trobadores medievais, seguindo o modelo cortés e cabaleiresco, ou ben ao
estilo dos heroes clásicos, espartanos, onde non hai lugar para as coitas
amorosas, pero si existe unha descarga do desexo sexual. Entón aparece a muller
como obxecto, sen vontade propia, como descanso do guerreiro ou como froito que
se morde sen miramentos. A crítica moderna salienta esta concepción e a
aparecida nos seus poemas eróticos, onde asocia o feminino con connotacións
negativas para cualificar o autor de misóxino.
A grande obra para Pondal é o seu poema épico Os
Eoas, que aspira a ser a gran epopea nacional que respondese ás
expectativas do rexionalismo. A obra ficou inédita ata 1992, agás un primeiro
bosquexo publicado en 1858.
MANUEL CURROS ENRÍQUEZ (1851-1908)
Morta Rosalía, o primeiro lugar na literatura
galega é seu, segundo a opinión xeral. Ante o público do seu tempo, Curros
triunfou como poeta: foi coroado dúas veces en vida, en Galiza e en Madrid, e
na Habana rendéronlle multitudinarias homenaxes. Aínda así tivo que emigrar por
motivos de traballo e acabou morrendo na Habana.
O seu primeiro
poema, a Cántiga (1867), xa está escrito en galego, igual que as
composicións Unha boda en Einibó,
O Gaiteiro de Penalta e
A Virxe do cristal
coas que gana un certame poético. Desde entón alternará galego e castelán,
porén a prosa será o espazo reservado sempre para o castelán. Como a maioría
dos seus coetáneos, nunca considerou a posibilidade de usar o galego na prosa,
a pesar do moito que a utilizou para expresarse en castelán.
A súa vida foi dura:
malas relacións coa familia, mala relación coa igrexa, mala relación coa
comunidade galega da Habana, mala relación cos poderes públicos… mala relación
cos poderosos. A razón estaba nos seus ideais. Curros era un ideólogo e poñía
unha e outra vez a súa vida ao servizo dos seus ideais. Talvez por iso foi un
home infeliz, a pesar dos loureiros públicos. Era quen, polos seus principios,
de abandonar un traballo poñendo en serio perigo a maltreita economía familiar.
Foi un loitador cuxo credo político era o dun demócrata republicano federal,
que acabou identificado cos rexionalistas cando descubriu os problemas
galegos.
Na primeira etapa
idealista, estaba convencido de que o capitalismo espallaría a propiedade
privada e a cultura entre o pobo e coa chegada das liberdades democráticas
desaparecerían a miseria, as inxustizas e a tiranía. Porén, coñecidos os problemas
galegos; unha vez que experimentou que, con independencia de quen gobernara en
Madrid (monárquicos ou republicanos, progresistas ou conservadores), as clases
populares galegas seguían a vivir na máis oprobiosa miseria; unha vez que viviu
a independencia de Cuba e comprobou que a situación marxinal de Galicia dentro
do Estado era moi semellante á da illa caribeña; unha vez que se sentiu
identificado co país, ese idealismo vai deixar paso a unha actitude crítica e,
polo tanto, máis realista. O primeiro que muda é a súa concepción lingüística,
pois observa que en realidade hai linguas subordinadas e linguas impostas
oficialmente. O segundo en mudar é a súa visión da emigración, pois comproba
que o capitalismo é un mercado, tamén, de carne humana.
A voz inconformista
de Curros volverase agora contra a emigración, contra as imposicións e contra
calquera tipo de inxustiza, talvez por isto é o poeta verdadeiramente civil do
Rexurdimento. Pois concibe a poesía cunha función didáctica, transformadora e,
polo tanto, social.
A súa obra Aires
da miña terra (1880) de marcado anticlericalismo, é o primeiro libro en
galego claramente aliado coa causa dos oprimidos dende unha posición
galeguista, progresista e republicana. Son tres as súas liñas temáticas:
social, intimista e costumista. Esta obra foi censurada publicamente e
denunciada perante a autoridade xudicial polo bispo de Ourense.
O divino
sainete
(1888) enceta a liña satírica na literatura moderna culta en galego, trátase
dun longo poema narrativo que toma como modelo a Divina Comedia de Dante, no
que se dá conta dunha imaxinaria peregrinación a Roma realizada polo autor e
Añón para celebrar o xubileo, nos sete vagóns do tren que representan os sete
pecados capitais viaxan caricaturizados os representantes da sociedade do seu
tempo.
Se Rosalía
representa a comuñón coa sensibilidade popular e ao tempo a expresión dun
lirismo persoal agónico, existencial; se Pondal representa a voz do aristócrata
obsesionado con crear a mitoloxía que asente o espírito galeguista; Curros é un
loitador que pon a vida e a obra ao servizo das súas ideas, un demócrata
enfrontado a toda clase de inxustizas.
Tanto Curros como
Rosalía son poetas populares que se compromenten na súa obra cos problemas da
sociedade denunciando a miseria e a inxustiza. Porén, Rosalía acaba, escéptica,
sufrindo resignada ante a impotencia para transformar a sociedade; mentres que
Curros manterá sempre a súa actitude combativa. Velaí a popularidade do poeta cívico,
da que non gozaron nin a feminista Rosalía, adiantada á súa época, nin o
aristócrata Pondal, que toleou por
ser o bardo do pobo galego.
Fontes do
documento:
álvarez, Rosario e outros: Lingua e
Literatura I Bacharelato; Edicións Obradoiro, Santiago de Compostela, 2015.
Marlou: Literatura galega (http://marlou-literaturagalega.blogspot.com.es/)
VV.AA.: Lingua e Literatura I
Bacharelato; Anaya, Madrid, 2002.
VV.AA.: "Rexurdimento" na Wikipedia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario