11 de xuño de 2016

Convocatoria para o exame do martes 14 de xuño




1 BACHARELATO A

Teoría de literatura e sociolingüística
Teoría de literatura
Todo
NADA
Todo menos comentario literario
Morfoloxía
Todo
Todo
NADA
NADA
Teoría de literatura, teoría de sociolingüística e léxico
Léxico
NADA
Léxico
Todo
NADA
Todo
Todo
Léxico
Léxico
Morfoloxía
NADA



1 BACHARELATO B
Todo
Todo
Léxico e teoría de literatura
Morfoloxía e teoría de literatura
Todo
Todo
Todo
Morfoloxía e toda a literatura
Todo menos léxico
Sociolingüística e léxico
Todo
NADA
Morfoloxía, e léxico
Todo
Todo
NADA
Todo
Todo
Todo
NADA
Todo
NADA
Todo

31 de maio de 2016

Rexurdimento (apuntamentos)



O REXURDIMENTO
As circunstancias históricas condicionaron o seu esmorecemento e silencio á fin da Idade Media e, cando rexurdiu no século XIX, a nosa literatura volveu nacer con dúas características que a condicionaron desde o comezo:
1. A carencia de tradición literaria escrita: os nosos escritores decimonónicos comezaban a coñecer o legado medieval.
2. A significación ideolóxica: trátase dunha literatura de resistencia.
No século XIX e nos comezos do séc. XX desenvólvese un movemento de recuperación da lingua, da literatura e da cultura galegas que permite a consolidación dun sistema literario galego autónomo. Resulta admirable o labor destes autores que comezan a utilizar como lingua literaria un idioma desprezado pola cultura oficial e relegado a lingua rural e familiar. A utilización do galego é reflexo dunha actitude de compromiso, o que explica a abundante temática comprometida da literatura galega contemporánea. Mesmo naqueles casos en que non atopamos esa temática, a escolla do galego conforma xa de seu unha posición ideolóxica.
No século XIX e ata o derradeiro terzo do século XX, a literatura galega corre paralela á orixe e ao desenvolvemento da ideoloxía galeguista, primeiro provincialista (para os precursores e para os autores do Rexurdimento pleno), despois rexionalista (para os autores de entre os dous séculos) e máis tarde nacionalista (para os creadores da época Nós).
Adoitamos dividir o Rexurdimento en tres períodos:
1.      Período precursor (iníciase co Galeguismo en 1833 e remata coa publicación de Cantares Gallegos en 1863, considerado a obra fundacional da literatura galega moderna). Son autores desta etapa: Xoán Manuel Pintos (A gaita gallega), Marcial Valladares (autor da primeira novela en galgo, Maxina ou a filla espúrea, 1888) e Francisco Añón.
2.      Rexurdimento pleno (dende 1863 ata 1888, ano da publicación de O divino sainete de Curros Enríquez, considerada a derradeira grande obra desta época). Nesta etapa coinciden publicando os tres grandes escritores do Rexurdimento (Rosalía, Curros e Pondal).
3.      Período finisecular (dende 1888 ata 1916 ano en que nacen as Irmandades da Fala). Outros poetas continúan o labor de recuperación do idioma galego e de revalorización da nosa cultura. Neste momento aparecen as primeiras mostras narrativas e teatrais. Publican nesta época: Lamas Carvajal, Antonio López Ferreiro e Lugrís Freire, entre moitos outros.
Podemos sinalar os catro principais obxectivos dos intelectuais do Rexurdimento:
1.      Cambiar a consideración negativa do galego e ampliar as súas funcións sociais.
2.      Estudar, depurar e perfeccionar a lingua para conseguir un modelo de galego culto, por enriba das variedades dialectais.
3.      Recuperar o pasado histórico de Galicia.
4.      Reivindicar a singularidade de Galicia e do galego como un pobo con características propias.


ROSALÍA DE CASTRO (1837-1891)

Antes de morrer Rosalía fora branco de aldraxes, mais despois de morrer foi conscientemente marxinada polos estudosos da literatura española, a pesar de ter sido a escritora en castelán máis importante da súa época por terse anticipado, , aos escritores modernistas na súa prosa castelá e aos pensadores  existencialistas do séc. XX na súa poética. A maioría das voces da época só tiveron a ben recoñecer o pintoresquismo e o costumismo de Cantares Gallegos.
Así a imaxe interesadamente terxiversada que nos chegou de Rosalía foi a dunha muller resignada, enfermiza, chorosa, nai abnegadísima e amantísima esposa, saudosa e folclórica. Durante moito tempo mesmo se chegou a cuestionar a autoría dos seus poemas, asignándolle ao seu home, M. Murguía, a súa creación, pois foi considerada habitualmente como muller de escasa formación cultural. Non se estudaba realmente a obra de Rosalía, analizábase a súa vida, aínda hoxe podemos comprobar isto nos numerosos blogs e webs sobre ela, case todas comezan do mesmo xeito: nacemento ilexítimo, figura paterna ausente que se transloce na “negra sombra”, formación aldeá, descuberta da súa condición de ilexítima e trauma para toda a vida…
“Estranxeira na súa patria” é o título dun dos poemas de Follas Novas (1880), no que fala da soidade ante a "interminable procesión dos mortos" que non daban "sinal nin mostra de habela nalgún tempo coñecido", a pesar de seren uns "seus amantes" outros "deudos" e outros "amigos, compañeiros da infancia, serventes e veciños". Isto causa nela un sentimento de desarraigo que a leva a autocaracterizarse como "estranxeira na súa patria", polo desprezo co que a trata a sociedade da súa época. Ese é o título (Rosalía, estranxeira na súa terra, marzo 2011) que Francisco Rodríguez escolleu para profundar na súa tese de doutoramento e argumentar con probas de peso (cartas persoais, xornais da época…) o que daquela insinuaba. En palabras do investigador, ela mesma se atribúe a calidade de estranxeira na súa condición de persoa que, paradoxalmente, representando o espírito xenuíno do pobo galego, o seu dereito á existencia, o seu esforzo por ocupar un lugar na historia, sen embargo para os sectores intermediarios de Galiza, a Igrexa Católica, a pequena e mediana burguesía españolizada, os sectores máis reaccionarios, pois era unha muller molesta, marxinada e perseguida, especialmente durante a Restauración.
Rosalía, lonxe de ser unha nai abnegadísima, exerce o control sobre a súa maternidade. De feito pasarán dez anos entre a primeira filla (casara preñada dela) e a segunda, a razón, asegura Francisco Rodríguez, foi a súa carreira literaria. Rosalía quería ser escritora e vivir da literatura. Probabelmente esa sexa a razón pola que se empeñou en viaxar a Madrid co seu home e en publicar en castelán. Foi en Madrid onde Rosalía de Castro tomou conciencia de que Galicia estaba en situación marxinal e moi discriminada no Estado español, que estaba en construción, e quixo contribuír á súa evolución sentando as bases dunha Literatura en lingua galega, desenvolvendo a súa obra nunha vertente en castelán, para vender e vivir dela, e noutra vertente reivindicativa, para xente culta, en lingua galega.
Tampouco se aproxima esta “nova Rosalía” ao papel de amantísima esposa que a historiografía española reservara para ela. O matrimonio Rosalía-Murguía foi un bo acordo para dúas persoas que estaban entregadas á creación en función dunha causa maior: a construción dun país.
Rosalía, lonxe de ser unha muller resignada foi, en palabras de Francisco Rodríguez, un exemplo de feminismo, da concepción práctica de que a muller é igual ao home, máis ca ningunha escritora europea da súa época. Algo impensable nunha muller de formación aldeá. A nosa autora foi unha muller de grande cultura. Lera os clásicos greco-latinos, era boa coñecedora da literatura europea da súa época e especialmente das obras dos filósofos. Manexábase en francés e participaba, entre homes, nas tertulias literarias en Compostela, onde mesmo fixo representacións como actriz afeccionada.
Eis a modernidade de Rosalía! A razón de que hoxe a súa poesía siga viva e feraz (producindo novos creadores que, como lectores, beberan nas súas páxinas) é esa profundidade de fonte inesgotábel que posúe, mais tamén o xeito de estar e de ser da súa autora. Rosalía resulta moi atractiva para un lector/a de hoxe, pola súa actitude revolucionaria, pola súa bohemia, porque saltaba por riba dos tabús mesmo coa súa relixiosidade (panteísta, ao estilo tradicional galego) e contraria ao dogma, o que lle valeu o enfrontamento co Arcebispado de Santiago, que lle negou a homenaxe pública cando o seu corpo foi trasladado ao Panteón dos Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval.
Obra en galego

Cantares gallegos (17 de maio de 1863)
É o primeiro libro que se publica escrito integramente en galego, fito co que se inaugura simbolicamente o Rexurdimento das letras galegas. Esta obra responde a dúas motivacións, dunha banda, o compromiso explícito da autora coa terra e a xente de Galicia e o desexo de contribuír á dignificación do seu idioma; doutra banda, a intención de glosar poeticamente unha serie de coplas populares. Trátase de 36 poemas onde predominan as compoñentes costumista-folclórica, amorosa e intimista, aínda que tamén se poden atopar algúns sobre a emigración e a marxinación do país.
Esta obra foi acollida con entusiasmo dentro de Galicia e proporcionoulle unha notable sona no exterior. O éxito foi tal que algúns dos seus poemas eran coñecidos e recitados de memoria por sucesivas xeracións de mozos e mozas galegos, mesmo nos anos máis duros da posguerra.
Follas novas (1880)
É un libro no que a autora se esforza en vencellar o persoal co social, en evolucionar dende o subxectivo ao colectivo. Os 136 poemas organízanse en cinco apartados: “Vaguedás” e “Do íntimo” contan con poemas de carácter intimista nos que predomina a subxectividade; “Varia” trata temas de natureza diversa, marca a transición entre as outras partes; en “Da terra” e “As viudas dos vivos e as viudas dos mortos” os temas desenvolvidos son de natureza social e costumista e predomina a obxectividade (denuncia as inxustizas, solidariedade, feminismo...). Na época esta obra foi valorada negativamente por parte da crítica que viu nela un atrevemento inadmisible por parte dunha muller.
** En prosa deixou un conto de tipo popular, Conto gallego, que se publicou postumamente en 1923 en Bos Aires e o prólogo de Follas Novas titulado “Dúas palabras da autora” onde se manifesta sen ambigüidade sobre a súa condición de muller escritora en plena igualdade que os homes e sobre o seu compromiso co pobo galego e a súa lingua.

EDUARDO PONDAL  (1835-1917)

É un aristócrata que entende a nobreza como guía e condución dun pobo (o galego) e este como a raza escolleita, considérase membro dunha oligarquía espiritual que representa a voz e a conciencia da comunidade. Por iso a poesía de Pondal non é popular, como a dos Cantares de Rosalía. El é un señor de Ponteceso de caste fidalga, que elabora literariamente o mundo en que vive, grazas á súa excelente formación clásica. Así, aínda que escribiu sobre o pobo, nunca se dirixiu a el ao xeito rosaliano porque é un aristócrata e fala para unha elite.
Non lle interesou a lingua galega como fala do seu pobo, interesoulle como lingua do pobo de Breogán. A súa poética xirará en torno a un único tema central: Galicia é a patria celta e el o bardo, o poeta da patria galega, autoenxalzado como home superior ao resto da tribo, pois el é a conciencia da raza. Cre na orixe celta do noso pobo, con M. Murguía acubillarase no Rexionalismo e farase cívico, é dicir, adquirirá intención patriótica, unha vontade de superación colectiva. 
En 1877 publica Rumores de los pinos (21 poemas, 11 en galego, 8 en español e 2 nas dúas linguas). O celtismo, a misoxinia e o bardismo son as compoñentes temáticas e ideolóxicas básicas. Pero habería que agardar a que Rosalía publicase Follas Novas en 1880, para que Pondal se decidira a refundir os seus Rumores en Queixumes. Así en 1886 publicou a súa obra Queixumes dos pinos (91 poemas, 89 en galego e 2 bilingües; incluíndo 17 dos de Rumores: todos en galego, os 2 bilingües e 4 dos textos inicialmente escritos en español; todos eles corrixidos e modificados, ademais estes últimos traducidos), dándolles a razón aos historiógrafos que sitúan a obra do bardo na estela do incipiente simbolismo estreado por Rosalía. O novo poemario, ademais de continuar a senda do celtismo, bardismo, ossianismo e misoxinia do primeiro libro, engade agora o helenismo ou clasicismo. Estes son os elementos que fan inconfundible a súa poética. Deste xeito, Pondal constrúe unha estética persoal e orixinal, que desemboca no Simbolismo e, segundo Ferrín, colócase á fronte da Escola Formalista Galega, en consonancia cronolóxica coa poesía europea de finais do século XIX.
Foi Pondal o escritor galego do século XIX que máis se esforzou en crear un rexistro culto, refinado e literario para o idioma. O galego era para el a lingua antiga que revelaba o pasado e a natureza. A lingua da Galicia celta, da que non coñecía o cristianismo, da anterior á romanización, da Galicia rústica onde a paisaxe e os seres que a poboaban cobran vida propia. Ademais esta lingua antiga é o escudo contra o avance do castelán e o maior sinal de identidade do pobo galego, porque é o elo que une a Galicia co seu pasado máis nobre.

Recibe especial atención o tratamento que o autor fai da muller, Pondal achégase ao feminino de dúas maneiras: ao estilo dos trobadores medievais, seguindo o modelo cortés e cabaleiresco, ou ben ao estilo dos heroes clásicos, espartanos, onde non hai lugar para as coitas amorosas, pero si existe unha descarga do desexo sexual. Entón aparece a muller como obxecto, sen vontade propia, como descanso do guerreiro ou como froito que se morde sen miramentos. A crítica moderna salienta esta concepción e a aparecida nos seus poemas eróticos, onde asocia o feminino con connotacións negativas para cualificar o autor de misóxino.

A grande obra para Pondal é o seu poema épico Os Eoas, que aspira a ser a gran epopea nacional que respondese ás expectativas do rexionalismo. A obra ficou inédita ata 1992, agás un primeiro bosquexo publicado en 1858.


MANUEL CURROS ENRÍQUEZ (1851-1908)

 Morta Rosalía, o primeiro lugar na literatura galega é seu, segundo a opinión xeral. Ante o público do seu tempo, Curros triunfou como poeta: foi coroado dúas veces en vida, en Galiza e en Madrid, e na Habana rendéronlle multitudinarias homenaxes. Aínda así tivo que emigrar por motivos de traballo e acabou morrendo na Habana.

O seu primeiro poema, a Cántiga (1867), xa está escrito en galego, igual que as composicións Unha boda en Einibó, O Gaiteiro de Penalta e A Virxe do cristal coas que gana un certame poético. Desde entón alternará galego e castelán, porén a prosa será o espazo reservado sempre para o castelán. Como a maioría dos seus coetáneos, nunca considerou a posibilidade de usar o galego na prosa, a pesar do moito que a utilizou para expresarse en castelán.

A súa vida foi dura: malas relacións coa familia, mala relación coa igrexa, mala relación coa comunidade galega da Habana, mala relación cos poderes públicos… mala relación cos poderosos. A razón estaba nos seus ideais. Curros era un ideólogo e poñía unha e outra vez a súa vida ao servizo dos seus ideais. Talvez por iso foi un home infeliz, a pesar dos loureiros públicos. Era quen, polos seus principios, de abandonar un traballo poñendo en serio perigo a maltreita economía familiar. Foi un loitador cuxo credo político era o dun demócrata republicano federal, que acabou identificado cos rexionalistas cando descubriu os problemas galegos.

Na primeira etapa idealista, estaba convencido de que o capitalismo espallaría a propiedade privada e a cultura entre o pobo e coa chegada das liberdades democráticas desaparecerían a miseria, as inxustizas e a tiranía. Porén, coñecidos os problemas galegos; unha vez que experimentou que, con independencia de quen gobernara en Madrid (monárquicos ou republicanos, progresistas ou conservadores), as clases populares galegas seguían a vivir na máis oprobiosa miseria; unha vez que viviu a independencia de Cuba e comprobou que a situación marxinal de Galicia dentro do Estado era moi semellante á da illa caribeña; unha vez que se sentiu identificado co país, ese idealismo vai deixar paso a unha actitude crítica e, polo tanto, máis realista. O primeiro que muda é a súa concepción lingüística, pois observa que en realidade hai linguas subordinadas e linguas impostas oficialmente. O segundo en mudar é a súa visión da emigración, pois comproba que o capitalismo é un mercado, tamén, de carne humana.

A voz inconformista de Curros volverase agora contra a emigración, contra as imposicións e contra calquera tipo de inxustiza, talvez por isto é o poeta verdadeiramente civil do Rexurdimento. Pois concibe a poesía cunha función didáctica, transformadora e, polo tanto, social.

A súa obra Aires da miña terra (1880) de marcado anticlericalismo, é o primeiro libro en galego claramente aliado coa causa dos oprimidos dende unha posición galeguista, progresista e republicana. Son tres as súas liñas temáticas: social, intimista e costumista. Esta obra foi censurada publicamente e denunciada perante a autoridade xudicial polo bispo de Ourense.

O divino sainete (1888) enceta a liña satírica na literatura moderna culta en galego, trátase dun longo poema narrativo que toma como modelo a Divina Comedia de Dante, no que se dá conta dunha imaxinaria peregrinación a Roma realizada polo autor e Añón para celebrar o xubileo, nos sete vagóns do tren que representan os sete pecados capitais viaxan caricaturizados os representantes da sociedade do seu tempo.

Se Rosalía representa a comuñón coa sensibilidade popular e ao tempo a expresión dun lirismo persoal agónico, existencial; se Pondal representa a voz do aristócrata obsesionado con crear a mitoloxía que asente o espírito galeguista; Curros é un loitador que pon a vida e a obra ao servizo das súas ideas, un demócrata enfrontado a toda clase de inxustizas.

Tanto Curros como Rosalía son poetas populares que se compromenten na súa obra cos problemas da sociedade denunciando a miseria e a inxustiza. Porén, Rosalía acaba, escéptica, sufrindo resignada ante a impotencia para transformar a sociedade; mentres que Curros manterá sempre a súa actitude combativa. Velaí a popularidade do poeta cívico, da que non gozaron nin a feminista Rosalía, adiantada á súa época, nin o aristócrata Pondal, que toleou por ser o bardo do pobo galego.



Fontes do documento:
álvarez, Rosario e outros: Lingua e Literatura I Bacharelato; Edicións Obradoiro, Santiago de Compostela, 2015.
VV.AA.: Lingua e Literatura I Bacharelato; Anaya, Madrid, 2002.
VV.AA.: "Rexurdimento" na Wikipedia.

Exame de Literatura

1. Análise literaria de textos dende os comezos da literatura galega ata 1916.
2. Teoría da historia da literatura dende os comezos ata 1916.

A pregunta ou preguntas da historia da literatura poderán ter a seguinte forma:
- Un tema de autor (p. ex. Rosalía, Curros ou Pondal) que se preparará polo blog.
- A introdución ao Rexurdimento.
- Catro preguntas de resposta breve.
- Esquema dun tema de literatura.

28 de abril de 2016

Exame liberatorio do vindeiro 3 de maio

MATERIA AVALIABLE no exame liberatorio do 3 de maio:
  • Clasificación morfolóxica*
  • Segmentación morfolóxica con clasificación da palabra segundo a súa estrutura mórfica
  • Clasificación semántica (no caso dos substantivos)
  • Sociolingüística**
  1. A antroponimia en galego.
  2. A diversidade lingüística e o galego no mundo.
  3. A diversidade lingüística de España. A lusofonía.
  4. Lingua minoritarias / Lingua minorizadas.
  5. Multilingüismo / Bilingüismo / Diglosia.
  6. Os prexuízos do galego.

*Entran todos os tipos de subtipos de palabras agás as onomatopeas e interxeccións.
**Nos contidos de sociolingüística desenvolverase 1 tema elixido ao chou. (Extensión aproximada 200-250 palabras)

ESQUEMA DA PROBA (2 preguntas):

1 – Clasifica morfoloxicamente (prep., loc. preposicional, etc.). Se se trata de substantivos, adxectivos ou verbos, ademais segméntaos, xustifica cada un dos morfemas formantes con outra palabra, e clasifícaos segundo a súa estrutura mórfica (simple, derivada, composta ou parasintética). De seren substantivos, ademais realiza a clasificación semántica. De seren perífrases verbais indica o seu valor ou valores e escribe unha oración cun dos seus valores. (8 puntos)

2 – Sociolingüística. (2 puntos)
 

CUALIFICACIÓN:
  • As persoas cualificadas cunha nota igual ou superior a 5 puntos libéranse da materia avaliada nel na convocatoria de xuño da materia. 
  • As persoas cualificadas cunha nota abranguida entre 3,5 e 4,9 non liberan materia, só se liberarán da materia avaliada nel na convocatoria de xuño no caso de que a media co exame de léxico fose igual ou superior a 5.